Barro destinará 53.000 euros para comprar os terrenos da nova depuradora
Por Redacción
O pleno da corporación municipal de Barro aprobou investir 53.117 euros na compra dos terreos nos que se construirá a nova depuradora, que estará situada en Perdecanai.
A depuradora, ademais desta parroquia, dará servizo a diversos lugares de Agudelo, Valiñas e Barro.
Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, a consignación desta partida económica destinada á compra de terreos é un paso máis para avanzar no obxectivo de chegar co servizo de saneamento a todos os veciños do concello.
O gasto forma parte dunha modificación de crédito de 119.237 euros, financiada co superávit orzamentario de 2017.
Xunto coa compra dos terreos da nova depuradora, o goberno municipal destinará 54.488 euros para a ampliación e consolidación de diversos viais e outros 11.631 euros para a ampliación dun local multiusos no campo de fútbol do Outeiro.