Denuncian que os recortes na Casa do Mar obrigan a mariñeiros a pasar as inspeccións médicas en Vigo antes de embarcar
Por Redacción
Mariñeiros de Pontevedra, Marín e Combarro están a atoparse cun problema durante os últimos meses para lograr que lles realicen o recoñecemento médico obrigatorio na Casa do Mar de Mollabao en Pontevedra, necesario para poder realizar un embarque.
Segundo denuncia a CIG, a Xunta de Galicia levou a cabo recortes de persoal neste centro de saúde e esa situación provoca que, con frecuencia, non se atenda telefonicamente a solicitude de cita previa.
Xabier Aboi, responsable de CIG-Mar, sinala que ante esta situación, os mariñeiros optan por chamar ao centro sanitario en Vigo e, desta forma, axudan a colapsar o servizo que conta con listas de espera de ata mes e medio. O sindicato nacionalista entende que este problema causa prexuízos a mariñeiros e ás pequenas empresas do sector.
Afirman, ademais, que se esta situación non se arranxa leva o perigo de que se rexistren alteracións de tipo sanitario para o persoal embarcado se non se detectan posibles enfermidades en tempo e forma.