Sanxenxo reclamará a propiedade dos terreos dos Rocafort
Por Redacción
O Xurado de Expropiación de Galicia fixo unha nova valoración da leira dos Rocafort, na que incluíu os 1.214 metros cadrados dos viarios, como establecera o Supremo. A valoración ascende a 4.264.238 euros, un incremento de máis dun millón de euros sobre a anterior de 3.010.872 euros.
O Concello de Sanxenxo recorrerá a nova valoración do xurado de expropiación para tentar reducila. Segundo o goberno local se os 1.214 metros cadrados de viarios se inclúen na valoración, porque non se recoñece a súa titularidade pública, "entón poderiámonos atopar ante unha condición urbanística distinta que influiría na valoración dos terreos".
Pero o recurso ante o xurado de expropiación é só un primeiro paso, a continuación, o Concello iniciará a reclamación na xurisdición civil, coa intención de demostrar que, como mínimo os 1.214 metros cadrados dos viarios son públicos, ao entender que no seu día foron obxecto de cesión obrigatoria como consecuencia das licenzas urbanísticas outorgadas aos edificios construídos na mazá de 12.192 metros cadrados, comprendidos entre a avenida de Vigo, o paseo de Silgar, a rúa das Cunchas e a rúa Rosalía de Castro.
O goberno considera que "aínda queda moito que pelexar en termos xurídicos". "Non podemos garantir que os tribunais nos acaben dando a razón en todo, pero o que non imos facer é renunciar ao dereito a reclamar a titularidade pública dos terreos", transmitiron.
En "o peor escenario posible", é dicir que se rexeite o recurso ante o xurado de expropiación e que tampouco a xurisdición civil recoñeza que os terreos son públicos, o custo da expropiación sería de 4,2 millóns de euros.
Por tanto, conclúe o goberno bipartito PP+SAL que "nin sequera nese suposto cumpriríanse os anuncios catastrofistas da oposición, especialmente do BNG, que hai un par de meses prognosticou que a leira sería valorada en 7 millóns de euros. E iso que entón rebaixaron moito o seu anterior prognóstico de 47 millóns de euros. Unha cifra que agora parece incrible, pero ata aí chegou a súa esaxeración".
"Pero se, pola contra, o recurso ante o xurado de expropiación prosperase ou, mellor aínda, a xurisdición civil nos dera a razón, o custo da expropiación podería ser inferior a 4,2 millóns de euros, e mesmo, se recoñecesen toda a reclamación, moito menos de 3 millóns de euros", afirman desde o goberno local.
Relacionadas:
-
O Supremo condena a Sanxenxo a pagar 9,9 millóns aos Rocafort pola leira e o vial de As Cunchas
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo abona o primeiro pago de 1,3 millóns de euros á Familia Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo recorrerá diante do Supremo a sentenza que lle condena a pagar 9,9 millóns á familia Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG di que o bipartito de Sanxenxo recorre o pago á familia Rocafort para "gañar tempo ata as próximas eleccións"
Por Redacción |
-
O Concello de Sanxenxo recorre para non pagar pola zona verde dos Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE reclama a Telmo Martín "que abandone a política local de forma definitiva
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo acusa ao BNG de ser "profeta do catastrofismo"
Por Oskar Viéitez |
-
Condenan ao Concello de Sanxenxo a pagar máis de 7 millóns de euros por unha finca aos irmáns Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
Como vai a pagar Sanxenxo a sentenza dos irmáns Rocafort?
Por Redacción |