CC.OO. denuncia que a nave de Correos na avenida de Lugo reducirá a súa atención ao público
Por Redacción
Unha nova agresión que precariza o servizo que Correos ofrece na cidade de Pontevedra. Así cualifica o sindicato Comisións Obreiras a decisión unilateral da empresa de reducir os horarios de atención ao cliente na nave que ten na avenida de Lugo. O horario recortarase en dúas horas e media, segundo os portavoces sindicais.
CC.OO. alerta que esta modificación afectará os veciños que residen no distrito postal 4, que inclúe o barrio de Monte Porreiro, o polígono do Campiño, as parroquias de Xeve, Lérez, Campañó, Bora, Marcón e Tomeza, así como os lugares de San Xurxo de Sacos, Viascón e Tenorio, no Concello de Cerdedo-Cotobade.
A partir do 17 de setembro, por tanto, a oficina atenderá de oito e media da mañá a seis da tarde, de luns a venres. Ata agora, estaba aberta ata as 20.30 horas.
Ademais, a organización sindical explica que actualmente atenden esta oficina cinco persoas, en quendas de mañá e tarde. O peche levará unha reorganización do persoal, que obrigará a facer recortes de persoal.
O sindicato lamenta esta media e denuncia que "non pode haber cidadáns de primeira e de segunda dependendo da súa residencia habitual ", xa que Correos é un servizo público e debe ter a mesma accesibilidade para todos os cidadáns.
CC.OO. considera que esta medida só ten como fin reducir custos en prexuízo da cidadanía e dos traballadores, con menos servizo e menos persoal.
Engade que "non existen criterios obxectivos" para adoptar esta decisión, polo que CC.OO. esixe que se paralice a súa aplicación e, a continuación, se faga un estudo "serio, responsable, global e negociado" dos puntos de atención ao cliente na cidade de Pontevedra, onde aseguran que o persoal é "claramente insuficiente".
Relacionadas:
-
O persoal de Correos anuncia tres días de folga ante a precariedade que está a sufrir o servizo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O 75% do persoal de Correos en Pontevedra secunda unha xornada de paros parciais
Por Redacción |
-
As oficinas de Correos de Pontevedra recollen móbiles usados para fins solidarios
Por Redacción |
-
O alcalde da Lama traslada a súa repulsa a Correos por reducir o horario de atención ao público
Por Redacción |