Seis meses de prisión para un cangués que entrou pola xanela á casa da súa muller para agredila
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a seis meses de prisión a J.M.B.D. por entrar pola xanela á casa da súa muller para agredila.
O acusado chegou a un acordo coa Fiscalía que evitou a celebración da vista oral sendo ratificado este martes en despacho o acordo de conformidade entre as partes.
Así, por un delito de violación de morada é condenado a seis meses de prisión e a 60 días de traballos en beneficio da comunidade por un delito de lesións no ámbito de violencia de xénero cometido no domicilio da vítima e en presenza de menores.
Ademais o tribunal imponlle a prohibición do dereito de tenencia e porte de armas por un período de dous anos. Por este mesmo tempo de condena prohíbeselle o achegamento a vítima a unha distancia menor de 300 metros e a prohibición de comunicarse con ela por calquera vía.
Finalmente polas lesións que sufriu a agredida terá que indemnizala en 450 euros.
En virtude desta conformidade decláranse feitos probados que, o día 5 de xuño de 2016 en Cangas, o acusado acudiu ao domicilio da súa muller e accedeu ao interior da vivenda por unha xanela que se atopaba aberta se o consentimento da súa esposa. A parella levaba casada 24 anos e atopábase en trámites de separación.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía entrou na vivenda "co ánimo de atentar contra a integridade física da muller, ao arroxar varios obxectos sobre ela, que non chegaron a impactarlle e agarrala polo pescozo e zarandeala fortemente".