A FANPA solicita que se unifiquen os días de libre disposición entre todos os colexios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Como todos os anos, os centros educativos de Pontevedra teñen 2 días de libre elección de festivos dentro do calendario escolar aprobado para o presente curso 2018-2019.
Normalmente esta elección faina cada centro por decisión do Consello Escolar onde son maioría os membros do profesorado, polo que a elección de datas adoita facerse á súa conveniencia.
A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FANPA) entende que como consecuencia da "desconsideración" esta elección dos festivos provoca un "forte impacto na comunidade escolar", especialmente na conciliación laboral das familias.
En concreto, a Fanpa lembra que o ano pasado os centros de Primaria e os de Secundaria escolleron datas diferentes polo que aquelas familias que teñen fillos simultaneamente en ambos niveis educativos "se ven impactadas dúas veces no mesmo curso, dous días, con calendarios diferentes". Se son festivos escolares diferentes un menor ten que ir e outro quedar na casa ao coidado de alguén.
"Parécenos obvio que este problema ten doada solución sen menoscabo de ninguén e sen prexulgar cales deben ser en concreto os días festivos e por iso solicitámoslle que se unifiquen os dous días de libre disposición entre todos os colexios e niveis de Primaria e Secundaria de Pontevedra".
Por isto a Fanpa pide ao delegado de Educación "que exerza as súas competencias de organización administrativa co fin de que todos os centros escollan as mesmas datas, cousa que as familias agradecerán". Os centros do mesmo nivel educativo teñen o costume de coincidir "sería bo que vostede impulsase un acordo máis amplo para todos os niveis educativos", engaden.
Finalmente apuntan que "resultaría ideal" que a elección de días puidese ser acordada no ámbito do Consello Escolar municipal.
Relacionadas:
-
Cidadáns levará a pleno a petición autonómica de implantar a figura do enfermeiro escolar
Por Redacción |
-
O Concello de Poio lembra a necesidade dunha reforma no colexio de Viñas
Por Oskar Viéitez |
-
O curso escolar comeza con "total normalidade" en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A Zona Monumental celebra unha festa pola Volta ao Cole
Por Redacción |