Fundación Meniños e Concello van da da man na loita contra a exclusión social dos menores
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O presidente da Fundación Meniños, Xosé Manuel Villanueva e a directora xeral, Mónica Permuy mantiveron este luns un encontro co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social Municipal, Anxos Riveiro co fin de falar dos programas de apoio á infancia nos que colaboran Concello e esta Fundación.
Meniños, que está integrada en Redeaxuda, desenvolve un programa de Atención familiar que ten como obxectivo traballar con nenos en risco de exclusión social para inverter a situación. Ademais tamén actúa de xeito preventivo cando se detectan condutas de risco no ámbito familiar ou escolar.
A concelleira de Benestar Social sinala que no proceso de detección de situacións de risco é fundamental o traballo dos Servizos Sociais, dos profesores e dos profesionais sanitarios que son quen de identificar condutas, comportamentos ou actuacións que sitúen aos menores ao borde do abismo.
"É un programa pioneiro en Galicia que tan só se mantén en Pontevedra" sinalou Anxos Riveiro quen cifrou nun 72% a taxa de éxito das intervencións realizadas ao abeiro do programa de Atención Familiar de Meniños no período 2012-2017.
Na actualidade son algo máis de 70 os nenos que están no programa de Atención Primaria, polo que pasaron no quinquenio 2012-2017 un total de 230 menores de 159 familias distintas.