Éxito de participantes na concentración mototurística de Sanxenxo
Por Redacción
Centos de persoas participaron ao longo desta fin de semana na 34 edición da concentración mototurística de Sanxenxo, que tivo o seu epicentro en Baltar (Portonovo).
Entre eles, os máis afastados chegaron desde Estepona (Málaga) e Montijo (Portugal). Houbo ademais motoristas de todas as idades. O premio aos máis veteranos foi para un sevillano de 77 anos e para unha muller de Viveiro, que aos seus 70 anos non quixo perderse esta cita.
Todos participaron este domingo nun paseo turístico en moto por toda a comarca do Salnés. Foi o broche de ouro a un evento que, desde a tarde do venres, encheu Baltar de animación e de actividades relacionadas coas dúas rodas.
Así, numeroso público achegouse para gozar do programa de actividades organizado polo Club de Amigos da Moto, entre elas, un mercadillo moteiro ou as exhibicións do campión de Europa Martín Rioboo en trial e de Paulo Martinho cun espectáculo de stunt.
Houbo tamén tempo para unha oferta máis lúdica con clases de zumba, concertos ou degustacións gastronómicas a cargo de " food trucks", que ofreceron pratos de diferentes países.
Ademais, os participantes gozaron cunha cea baile na noite do sábado, que se alongou ata altas horas da madrugada e que estivo amenizada co espectáculo de Eme Música.