Comeza a mellora da estrada entre Portosanto e Campelo
Por Redacción
As obras de mellora do asfaltado da rede viaria provincial dentro do Plan de Firmes da Deputación chegarán esta semana á estrada EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo, nos treitos coñecidos como avenida da Praia, rúa Beiramar e Camiño do Castelo, no Concello de Poio.
O departamento de Mobilidade iniciará nas vindeiras xornadas a rehabilitación do firme, que suporá a mellora de ámbitos puntuais ao longo dos 3,7 quilómetros da vía.
O deputado Uxío Benítez explicou que nestes momentos hai zonas de aglomerado en mal estado, con afundimentos, fendas e cuarteados en lugares puntuais.
Ante isto, o departamento de Mobilidade activou o novo contrato marco e as obras poranse en marcha de inmediato co fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo.
Os traballos, segundo está previsto, desenvolveranse durante unha semana, despois da que se procederá a repintar a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas) unha vez estea consolidado o firme.
Ademais desta actuación puntual no firme da EP-0602, está prevista tamén unha actuación de carácter xeral na zona grazas a dous convenios de colaboración para executar dous novos proxectos que mellorarán a seguranza viaria e a mobilidade peonil cun investimento que supera os 2.400.000 euros.
O deputado nacionalista explica que esas actuacións conveniadas abarcarán os 1,8 quilómetros da estrada provincial EP-0601 Portosanto-Campelo-C-550, dende o seu inicio ata a igrexa de Campelo, e tamén outros 300 metros correspondentes á estrada provincial EP-0602, coñecida como rúa Pai Avelino, entre a igrexa e o porto de Campelo.
Está en fase de estudio, para a súa execución a medio prazo, a posibilidade de redactar un proxecto de mellora integral e reurbanización para o treito da rúa Beiramar e o Camiño do Castelo.