O PP denuncia "graves problemas de accesibilidade" na contorna do centro de neuro-recuperación QuirónSalud
Por Redacción
O portavoz do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, acompañou este venres a un paciente do centro de neuro-recuperación Quirónsalud Miguel Domínguez, situado en Andurique, e á súa coidadora para denunciar o que entende como "graves problemas de accesibilidade" que teñen que afrontar a diario.
O paciente, en cadeira de rodas, e a súa coidadora xunto ao portavoz popular percorreron os arredores da antiga clínica da Merced, mostrando por exemplo para un percorrido de preto de 200 metros ata a cafetería máis próxima é necesario baixar á calzada ou ir pola beiravía debida ás barreiras arquitectónicas ou ao tamaño reducido da beirarrúa. Uns problemas que aseguran tamén se producen en dirección contraria, cara San Xoán de Poio.
Despois do paseo Moldes explicou que pretendía visibilizar o día a día destas persoas, que a miúdo contan con problemas de mobilidade reducida ou discapacidade e que "non poden facer algo cotián, como tomar un café cun familiar ou visitar unha zona de lecer ou de paseo".
O representante do PP asegura que esixirá ao Concello, concretamente aos responsables de urbanismo, que se cumpran na zona de Andurique os requisitos de accesibilidade.
Ángel Moldes lembrou este centro especializado recibe pacientes de diferentes puntos de España, denunciando que "o radio de movemento destes enfermos e as súas familias ao final son 5 ou 10 metros" e reclamando unha solución pola que "non se pode esperar un minuto máis".