Cuntis asumirá a recollida do contedor amarelo con medios propios
Por Redacción
A partir do luns, a recollida da bolsa amarela en Cuntis será un servizo que prestará o Concello a través de medios propios. Así o confirmou este venres o goberno municipal.
A empresa que se encargaba da xestión dos contedores amarelos, os destinados a plásticos, latas e envases, Soil Recovery, renunciou ao seu contrato por problemas de liquidez.
Esta medida tamén afectará a outros concellos da comarca como Caldas de Reis ou Moraña.
O goberno municipal xa encargara un estudo económico para detallar os custes de recollida, dado que a empresa xa tiña o contrato vencido co Concello.
Así, o Concello procederá á municipalización inmediata do servizo e, xunto coa recollida, encargarase de trasladar os residuos á planta de transferencia que Sogama ten en Ribadumia.
Este servizo conta cuns 300 contedores repartidos polo casco urbano e polas zonas rurais do municipio. A recollida realízase todos os días no casco urbano e, semanalmente de forma alterna, nas parroquias situadas nas marxes dereita e esquerda da N-640.
O Concello pretende, a partir de agora, analizar con detalle o servizo e aumentar o número de contedores en aqueles puntos que sexa necesario e incrementar ao mesmo tempo a frecuencia da recollida.