O Banco de Alimentos levará a cabo unha Operación Quilo tras o parón do verán
Por Redacción
Uns 30 voluntarios da Fundación Provincial Banco de Alimentos en Pontevedra levarán a cabo esta fin de semana a primeira Operación Quilo tras o parón estival.
A recollida de comida desenvolverase o venres e o sábado, 7 e 8 de setembro, en Supercor, durante o horario comercial do centro pontevedrés. Os voluntarios desprazados regalarán catro horas do seu tempo a favor das persoas máis desfavorecidas e facilitarán as doazóns de alimentos.
Desde a ONG pídese un novo esforzo á cidadanía que poida doar comida ante o cada vez maior desabastecemento do almacén situado en Faustino Santalices.
Entre os alimentos que máis se necesitan, aceite, cacao, galletas, leite e todo tipo de conservas, aínda que, como sempre, calquera produto non perecedoiro será benvido.
Desde a entidade lémbrase que moitas persoas que reciben axuda por parte da ONG, poden sufrir tamén pobreza enerxética, de aí a importancia de doar produtos que necesiten pouca elaboración.