O condutor dun camión de cervexa choca cun taxi en Combarro e na proba de alcoholemia quintuplica a taxa permitida
Por Redacción
Pasadas as 17.00 horas deste mércores 5 dous vehículos impactaban no centro de Combarro. Ata o lugar desprazábase unha unidade da Policía Local de Poio para mediar entre un taxista e un transportista dun camión que distribúe cervexa tras o choque dos seus vehículos.
Os axentes detectaron só chegar que o condutor do camión, de 51 anos de idade, mostraba síntomas de atoparse baixos os efectos do alcol, segundo fontes policiais. Foi sometido ás probas de alcoholemia e os axentes comprobaron como quintuplicaba a taxa permitida para este tipo de condutores que teñen permiso profesional, que se sitúa en 0,15 ml/g. por aire expirado.
Tras comprobar o positivo, a Policía Local instruíu dilixencias ao xulgado de garda polo procedemento de xuízo rápido remitindo o atestado co informe técnico do accidente rexistrado na zona turística.
Investígase ao condutor por circular baixo a influencia do alcol e por superar as taxas de 0,60 ml/g en aire expirado, cifra na que se establece a diferenza entre a tramitación destes casos por vía penal ou por vía administrativa.