As reservas de auga de Pontevedra, máis altas que o verán pasado
Por Alejandro Espiño
A pantasma da seca que a comarca de Pontevedra sufriu o ano pasado parece estar, polo menos por agora, bastante distante. Un verán máis chuvioso do normal, especialmente no mes de xullo, provocou que as reservas de auga de Pontevedra sexan notablemente máis abundantes que en 2017.
Segundo os datos achegados polo goberno municipal, recollidos pola empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, o caudal actual do río Lérez é de 4,80 metros cúbicos por segundo.
Trátase dun 35% máis do que rexistraba o río hai xusto un ano. Tamén se supera, neste caso nun 25%, da media do últimos cinco anos, fixada en 3,85 metros cúbicos.
En todo caso, está lonxe dos 8,40 metros cúbicos de auga por segundo que tiña o Lérez ao 31 de xullo deste ano, un 105% máis que os 4,10 metros cúbicos de hai un ano.
O encoro do Pontillón do Castro, pola súa banda, atópase cheo nun 95,29% da súa capacidade, lixeiramente por encima do rexistrado en 2017. Entón, o encoro estaba ao 94,53% da súa capacidade total.