A escola infantil de Ponte Caldelas, a punto para o inicio do curso escolar
Por Redacción
Días antes de que os rapaces comecen o tradicional período de adaptación, o goberno municipal de Ponte Caldelas realizou unha serie de tarefas de mantemento na escola infantil, incluída dentro da rede Galiña Azul.
Foron melloras solicitadas pola directora do centro, no que se atende a nenos de entre 0 e 3 anos.
Así, un equipo de operarios ocupouse de pintar as instalacións, tapando ocos e danos nas paredes. Ademais, reparáronse algúns zócalos e tratouse a zona posterior ao edificio, onde algúns muros presentaban pintura escachada ou danada.
Tamén se actuou na zona da cociña, onde quedaron reparadas unhas pequenas humidades no teito e tapouse un oco tras a campá extractora. Só quedan pendentes actuacións de escasa contía, pero que requiren de persoal especializado e que serán atendidas nas próximas semanas ao ser compatibles co comezo do curso.
Na escola infantil de Ponte Caldelas están matriculados para este curso un total de 32 nenos e nenas, segundo os datos de matrícula feitos públicos polo Consorcio Galego para a Igualdade e o Benestar.
Os operarios tamén fixeron un repaso da ludoteca municipal, situada no mesmo edificio. Ao longo do ano xa se foron facendo as actuacións de mantemento precisas nos colexios de Educación Infantil e Primaria da Reigosa e Cordo Boullosa.
Os traballaron incluíron unha completa corta de broza en todos os espazos próximos ao instituto de ensino secundario.