A Lama busca facer accesibles dous novos sendeiros e homologar o seu trazado
Por Redacción
A Lama decidiu impulsar o proceso de rehabilitación e homologación de dúas dos seus sendeiros máis emblemáticos ante a Federación Galega de Montañismo que, segundo o goberno municipal, supoñerá a mellora da accesibilidade para persoas maiores con problemas de mobilidade e tamén para aquelas con visión reducida.
Trátase do sendeiro entre Xende e Liñares e tamén o denominado "Tralos pasos do río Verdugo", que discorre nesta primeira fase entre Covelo e A Gateira. Na actualidade, segundo Jorge Canda, ambas as rutas atópanse en mal estado con zonas bastante perigosas para poder transitar con seguridade por elas.
O proxecto municipal consiste na habilitación, sinalización e homologación das dúas rutas de sendeirismo, aproveitando e mellorando os camiños xa existentes.
Entre as actuacións previstas están a sinalización dun roteiro marcando os diferentes puntos de interese existentes dentro do mesmo, a instalación de paneis informativos sobre as diferentes especies de flora e fauna ou a información puntual sobre elementos etnográficos.
Ademais, acometerase o acondicionamento de tramos de senda en mal estado, a instalación de varandas de madeira en zonas de maior desnivel, a colocación de mesas e bancos de madeira e a reposición de pedra nos muros laterais.
Tamén se contempla a incorporación de paneis con información expresada mediante relevos, texturas, pictogramas cognitivos e textos en braille e a colocación de códigos QR que enlazarán á páxina web con información sobre o sendeiro.