Bodagrafic Pattuka, gañadora da terceira edición do concurso de escaparates de Pontevedra
Por Redacción
Bodagrafic Pattuka, unha tenda das Galerías da Oliva, foi a gañadora da terceira edición do concurso de escaparates de Pontevedra. En segundo lugar quedou A Moda D'Abaixo, un dos clásicos do comercio local, situado na rúa dos Soportais, e, en terceiro, Ponte Jabón, na rúa Marquesa.
O fallo do xurado foi anunciado este mércores pola concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, quen enxalzou a idea dos gañadores de unir dous escaparates nunha mesma idea. No caso dos segundos clasificados valorouse o novidoso dunha proposta sinxela, con poucos cartos, pero visualmente moi atractivo. Finalmente, no terceiro premio tívose en conta o aspecto traballado e ben presentado do escaparate.
Os tres gañadores obteñen cheques de 500, 300 e 200 euros respectivamente, ademais do diploma acreditativo.
Carlota Román recalcou que, un ano máis, premiouse a "sinxeleza, a singularidade e a orixinalidade", valores que, polo que parece, "empezan a terse en conta polos participantes no concurso de escaparates". Quedou claro, dixo, "que para ter un bo escaparate son máis importantes as boas ideas que os cartos".
Un total de 45 comerciantes de Pontevedra competiron entre o 15 e o 30 de abril para ofrecer o mellor escaparate. O lema foi a primavera e a composición, completamente libre.
No acto sorteáronse tamén os 10 cheques-compra por valor de 20 euros cada un, correspondentes aos clientes dos locais participantes no concurso. Os premiados resultaron ser: María Teresa Rodríguez, Olalla Gómez, Araceli Garrido Carballo, Lucía Bea García, María Jesús del Río, Teresa Otero, María del Carmen Ponte Amil, Gloria Blanco, Marisa Paz e Beatriz Cancela.