Nodosa deseña o primeiro buque bateeiro de recollida e procesado de mexillón a bordo
Por Oskar Viéitez
O estaleiro marinense Nodosa agarda ter listo no segundo semestre de 2019 un prototipo de buque bateeiro de recollida e procesado de mexillón a bordo.
A historia deste proxecto de I+D comezou oito anos atrás. A empresa grovense Barlovento tiña unha concesión nun polígono de bateas proxectado no Golfo de Cádiz onde non existía infraestrutura en terra na que poder apoiarse para completar o ciclo produtivo. Ante esta necesidade expúxolle ao estaleiro Nodosa deseñar un barco mexilloeiro novo, con capacidade para poder realizar a bordo tarefas que habitualmente se realizan en terra.
Ainda que o polígono de bateas en augas gaditanas non foi adiante, Nodosa continuou co obxectivo principal sumando a contribución da empresa coruñesa Gefico, encargada do tratamento das augas de cocción do mexillón a bordo, que non se poden tirar ao mar, e da empresa de Vilanova de Arousa, Alfogar, responsable da fabricación da maquinaria de procesado e do cocedoiro.
A día de hoxe o barco, de 24 metros de eslora e 7,5 de manga, xa ten o casco rematado.
O estaleiro marinense tamén ten en marcha a fabricación de catro arrastreiros para a armadora holandesa Osprey, outro para Pesca Baqueiro e dous máis para a xermana Kutterfisch.
Relacionadas:
-
Núñez Feijóo ve a Nodosa como referente do "exemplo de superación e de éxito" dos estaleiros galegos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O estaleiro de Praceres e Nodosa atópanse a pleno rendemento
Por Oskar Viéitez |
-
O porto de Marín incorpora un novo remolcador para ampliar os seus servizos a buques
Por Redacción |