Terá Meis o próximo verán un aquapark?
Por Oskar Viéitez
A vella canteira de Penente, no concello de Meis, acollerá un parque acuático e da natureza. Eses son os plans dos comuneiros de San Vicente de Nogueira que alugarán 70 hectáreas de terreo a unha empresa por 20.000 euros anuais.
Segundo explicou o alcalde, José Luis Pérez, o concello supervisará o proxecto de aquapark que se vai a levar a cabo.
A día de hoxe a empresa está a redactar un proxecto de urbanización para construír unhas instalacións de lecer pensadas para estar a funcionar todo o ano. O proxecto debe incluír a mellora de accesos existentes á zona e unha solución satisfactoria para os aspectos máis controvertidos deste aquapark como son a captación de auga e o saneamento.
O acordo que os comuneiros queren asinar coa empresa ten unha duración inicial de 29 anos e podería prorrogarse de forma automática durante outros cinco.
Empezarían a contar estes prazos a partir de setembro do 2019, que é cando se prevé que a instalación estea en funcionamento.
O Concello de Meis leva máis dunha década dándolle voltas a esta idea que inicialmente viraba sobre un parque natural e de lecer no que se contemplaba unha granxa-escola, unha zona de acampada, un parque temático da cultura castrexa e piscinas. Todo iso cun custo de construción estimado duns seis millóns de euros nunha superficie de máis de 100 hectáreas.
Durante todo este tempo houbo algúns avances, xa que o Concello ten aprobada a recualificación necesaria, superou os trámites ambientais e conta cos permisos e licenzas necesarios para comezar.
O goberno local espera que os traballos poidan empezar na próxima Semana Santa e que o parque poida abrir as súas portas o próximo verán.