Ponte Caldelas esixe a Augas de Galicia o arquivo definitivo do expediente do trasvase do río Verdugo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas celebra, coa máxima prudencia, o cambio de postura que comeza a chegar dos concellos da área de Vigo, que nos últimos días expresaron a súa renuncia á obra do trasvase do río Verdugo ao seu sistema de abastecemento e apostan agora por "unha solución definitiva", na liña das opcións baralladas no estudo de alternativas do ano 2011 desvelado por Ponte Caldelas o pasado mes de marzo.
Diante dos últimos acontecementos, o Concello caldelán "non baixará a garda" e seguirá defendendo o patrimonio natural e a dignidade dun pobo e un municipio que exerce, con plenos poderes, a súa autonomía local.
O goberno local entende que despois da recente entrevista entre a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na que este decantouse por estudar o trasvase dende o Miño ou unha represa no Oitavén, augas arriba de Eiras, "a peregrina idea de trasvasar dende o Verdugo quedou descartada". Máis aínda despois das declaracións, na mesma liña, dos alcaldes e alcaldesas dos 12 concellos que se abastecen de Eiras.
A pesar disto, o Concello caldelán xa fixo chegar ao Goberno de España, a través de contactos informais, as "incongruencias técnicas" do pretendido trasvase do Verdugo, a súa "inutilidade" para solucionar as carencias no abastecemento ao sur da provincia, así como o impacto ambiental que suporía. A información foi trasladada coa intención de facela chegar á ministra e tamén á sociedade estatal Acuaes.
Ao mesmo tempo, diante da evolución dos acontecementos, Ponte Caldelas solicita formalmente ao presidente de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, que arquive o expediente das obras de trasvase do río Verdugo. Un expediente que, a día de hoxe, segue vivo polo procedemento ordinario.
"Oficiosamente xa me dixeron que está nun caixón coa escusa de que non hai consenso", afirma o alcalde, Andrés Díaz, "pero sería bo que a Xunta de Galicia demostrase pulcritude administrativa comunicándonos o arquivo, toda vez que xa nos solicitaron informes urbanísticos nunha especie de ficción de tramitación que non poden seguir mantendo máis tempo".
Relacionadas:
-
Augas de Galicia confirma a Ponte Caldelas o arquivo definitivo do expediente para o transvasamento do Verdugo
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas celebra a rectificación da Xunta sobre o transvase do Verdugo
Por Redacción |
-
Augas de Galicia admite que 7 de cada 10 anos non hai auga suficiente para transvasar dende o Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
Un estudo de Augas de Galicia descarta o trasvase do Verdugo
Por Redacción |