A sombra de Rajoy preside o acto do inicio do curso político do PP de Pablo Casado
Por Oskar Viéitez
O presidente do Partido Popular Pablo Casado iniciou este sábado o curso político na Carballeira de San Xusto nun acto no que tivo un gran protagonismo Mariano Rajoy, a pesar de ser o gran ausente desta cita. "Me hubiera gustado que estuviera aquí", dixo Casado que reivindicou o legado do seu antecesor porque "se ha sido muy injusto con él".
Casado tamén desvelou que se reuniu con Rajoy en Galicia para falar de cuestións de actualidade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que pronunciara o seu discurso antes que Casado, tamén agradeceu a Rajoy o seu labor á fronte do partido.
Núñez Feijóo será o encargado de "liderar y coordinar" os próximos 1 e 2 de decembro a convención nacional extraordinaria do Partido Popular que será "o punto de partida" para a elaboración dos programas electorais e para "actualizar, que no reformar, nuestra Constitución", afirmou Pablo Casado.
No seu discurso Feijóo sinalou que o PPdeG sae a gañar as próximas eleccións municipais "nos 313 concellos e nas catro deputacións". Animou a seguir escoitando aos veciños, a estar presentes nas 3.772 parroquias, a "manter sempre os pés na terra" e a seguir formando equipos "con experiencia e ilusión".