Coa fin de agosto rematan as ludotecas
Por Oskar Viéitez
O mes de agosto chegou á súa fin e con el remataron as ludotecas nos concellos. No último día celebraron unha festa de despedida, foi o caso de Moraña, Barro e Bueu.
BARRO
O Espazo de Lecer de Barro rematou co espectáculo Sesión de contos de Baobab Teatro, a cargo de Andrea Bayer.
A cantidade de nenos do municipio que este ano participaron superou notablemente as previsións de prazas iniciais, polo que o Concello fixo un esforzo para que ningún se quedara fóra, puidendo facilitar ás familias a posibilidade de conciliación laboral e que os nenos disfrutaran dun verán de diversión.
Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, é unha satisfacción que se puidera dar este servizo tan importante ás familias nos meses de verán; e o feito de que foran tantos os usuarios do mesmo significa que as familias confían nas actividades dirixidas ao público infantil que o Concello organiza.
BUEU
Un total de sesenta rapaces de entre 3 e 12 anos participaron durante xullo e agosto no programa ‘Verán Activo’, posto en marcha polo Concello de Bueu e que se celebraron nas instalacións do CEIP A Pedra.
Precisamente, este venres, a concelleira de mocidade e infancia, Macu Rodríguez, visitou os obradoiros coincidindo coa clausura dos mesmos, onde participou na entrega de diplomas.
MORAÑA
O Concello de Moraña clausurou a ludoteca municipal de verán, que contou coa participación de máis de oitenta cativos durante os meses de xullo e agosto e que foi artellada como a principal iniciativa do Plan de Conciliación Estival.
Con motivo do peche desta actividade, esta mañá organizouse unha festa de despedida na Casa da Cultura que contou coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, que departiu cos monitores e os cativos e confirmou a satisfacción unánime.
"Cremos que a ludoteca é fundamental por todo o que supón, especialmente no eido da conciliación, e ademais está moi ben valorada e conta cunha asistencia crecente de nenos, polo que, sen dúbida, volveremos a organizala o vindeiro verán ", sinalou.