Luís Emilio Batallán, trasladado ao hospital tras catro días de folga de fame
Por Natalia Puga
Os médicos que fan seguimento ao compositor, músico e médico xubilado Luís Emilio Batallán durante a folga de fame que empezou o luns no Colexio de Médicos de Pontevedra recomendaron o seu traslado a un centro hospitalario para atendelo.
Fontes próximas ao músico indicaron que o traslado se recomendou a media mañá deste venres, cando estaban a piques de cumprirse o primeiros catro días sen inxerir alimentos. Desde que ao mediodía do luns comezou a protesta, permaneceu nunha sala cedida polo Colexio de Médicos e tan só tomou auga.
O propio Batallán xa recoñecía o mércores que a partir do sexto día sen comer empeza a producirse dano renal irreversible e unha perda de masa muscular que xa non se recupera e que os problemas serios empezarían este venres. "O venres é o momento máis perigoso", indicaba.
Ao mediodía deste mércores, cando se cumprían as primeiras 48 horas sen comer, empezou a notar os primeiros síntomas de debilidade, pero o cansazo físico e mental non alterou a súa vontade de seguir coa súa protesta "ata que o corpo aguante". Este venres, tras recomendarse o seu traslado, non realizou ningunha declaración, pero prevese que continúe coa medida de protesta.
Luís Emilio Batallán púxose en folga de fame para "defender a dignidade dos profesionais da sanidade médica que están a traballar nunhas condicións lamentables", "conseguir que se acabe cos recortes na sanidade" e dar "unha chamada de atención á Xunta e ao poder político de que isto non pode seguir así".
"Estou en folga contra os recortes na sanidade e contra o austericida presidente que temos en Galicia", explicou, dirixindo a maior parte das súas críticas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que responsabiliza do decreto posto en marcha en 2013 pola Consellería de Sanidade para impedir as prórrogas que ata entón permitían aos profesionais sanitarios manterse en activo ata os 70 anos.
El foi un dos prexudicados, pois en 2014 impuxéronlle a xubilación forzosa. Xa por aquel entón mostrou o seu rexeitamento á medida denunciando á Xunta ante os tribunais, pero, catro anos despois, a piques de cumprir os 69, segue esperando unha resolución do Tribunal Supremo.
Relacionadas:
-
Batallán: "Galicia ten astenia, anorexia, anemia e un cancro que se chama Feijóo"
Por Oskar Viéitez |
-
Batallán sofre os primeiros síntomas de debilidade, pero continuará en folga de fame "ata que o corpo aguante"
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |
-
Luís Emilio Batallán, en folga de fame contra os recortes na sanidade e as políticas "austericidas" de Feijóo
Por Natalia Puga |