VÍDEO.- Sinaí Giménez, presidente da Sociedade Xitana Española: "Rober Bodegas non era unha persoa moi coñecida e agora si"
Por Anxo Lourido
Sinaí Giménez, presidente da Sociedade Xitana Española, anunciou que manterá a denuncia presentada pola organización que lidera contra o humorista Rober Bodegas ao considerar que o cómico de Carballo incorreu nun delito de incitación ao odio ao realizar chistes sobre a etnia xitana que non se axustan "ao século XXI". O "príncipe dos xitanos" entende que nese monólogo había "desprezo" cara ao colectivo que representa.
Ademais entende que ao racismo e xenofobia que denuncian súmase a falta de respecto cara ás mulleres e, en concreto, cara ás menores de idade ao facer referencias á proba do pano. Temos que cortalo de raíz, sinala Giménez, que apunta a que ten que haber uns límites. "Facer humor das mulleres maltratadas ou das persoas inválidas ou das vítimas do terrorismo sería moi grave", afirma o coñecido vendedor ambulante.
"A sociedade xitana cando ten que dar un palmotazo encima da mesa, dáo e cando ten que chamar a alguén feo chámallo con dereito", alegou Giménez que quere manter a demanda para evitar que este tipo de casos se repitan. "Outro pode facer o mesmo e con perdón queda en nada. Ese perdón cando haxa unha sentenza quedará como atenuante, como arrepentimento. Temos que facer a denuncia para que sirva como exemplo", afirmou o representante do colectivo xitano. "Rober Bodegas non era unha persoa moi coñecida e agora si", apuntou.
En relación ás ameazas que o cómico recibiu, Sinaí Giménez condénaas pero réstalle importancia. "Non creo que iso sexa noticia. Hai un millón de xitanos, que 400 fagan ameazas, é un 0.04 por cento. O resto actuou dentro da normalidade".
Tamén rexeita que se leve a cabo un boicot ao humorista galego nas súas vindeiras intervencións públicas. "Non debemos chegar a eses extremos. Hai, por redes sociais, quen di que o 2 está en Madrid e despois en Badaxoz e que debemos ir... Eu creo que non. El pediu perdón2, explica Sinaí Giménez mentres comenta que lle acaban de enviar un whatsapp gracioso: "Pasáronme unha foto dun barco cheo de xitanos dicindo que estaban desembarcando en Vigo. Ríome porque todos sabemos que non hai un barco que estea a desembarcar en Vigo para ir a por Rober Bodegas".
O humorista, pola súa parte, publicou nas redes sociais tamén algún chío dirixido a Sinaí Giménez, onde lembraba ao líder xitano os seus problemas coa xustiza.
Si algo he aprendido de todo esto es que lo que tenemos en común payos y gitanos es que ambos elegimos a líderes corruptos que atentan contra nuestro propio pueblo. pic.twitter.com/JA87Kf9ZNX
— Rober Bodegas (@roberbodegas) 29 de agosto de 2018
Por último, Rober Bodegas decidiu dar o debate por rematado anunciando que agardaba unha resolución oficial, en referencia a un fallo xudicial. A mensaxe inclúe unha lembranza final: "No hagáis chistes de gitanos"
Doy el debate por zanjado por mi parte, a la espera de una resolución oficial.
— Rober Bodegas (@roberbodegas) 29 de agosto de 2018
Me voy que tengo muchos mensajitos que enseñarle a la @policia.
Abrazos a todos/as y recordad:
No hagáis chistes de gitanos. pic.twitter.com/JVTrPCeEbF