O colexio Rosalía de Castro do Grove estreará comedor escolar a finais de setembro
Por Redacción
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e mais o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, asinaron este xoves un convenio de colaboración a través do cal ambas as entidades colaborarán na posta en marcha dun comedor escolar no CEIP Rosalía de Castro.
Deste xeito dáse resposta á demanda da comunidade educativa de contar cun espazo destas características para contribuír á conciliación da vida laboral e familiar.
Ao abeiro do acordo asinado a Consellería aportará 36.636,30 euros, cos que desenvolverá a licitación, dirección e execución das obras para a instalación dun módulo prefabricado –no que se situará o comedor–nas inmediacións do centro educativo. Pola súa banda, o Concello do Grove achegará outros 30.000 euros, así como as subministracións básicas necesarias (abastecemento de auga, saneamento e electricidade) para a prestación deste servizo educativo complementario.
O módulo que acollerá o comedor dispón de 60 metros cadrados nos que se poderá prestar o servizo de comedor a 40 comensais de forma simultánea, quedando a decisión do centro a organización ou non en varias quendas. A asociación de nais e pais será quen se ocupe da xestión do comedor.
Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é que o comedor comece a funcionar a finais de setembro ou principios de outubro deste mesmo ano 2018.