VÍDEO.- Máis vixilancia policial no mercado ambulante de Marín despois da agresión a unha muller embarazada
Por Anxo Lourido
Dúas semanas máis tarde do incidente no que unha muller embarazada foi agredida cun enfrontamento entre dúas familias debido ao ataque dun can a un menor de idade, a presenza policial incrementouse na contorna dos postos de venda do mercado ambulante. Este mercado coñecido como "o xoves" esténdese, ademais de pola contorna do Mercado de Abastos, pola Rúa do Sol e a Rúa Real. Alí atópase o posto de venda de calzado de Sinaí Giménez, o "príncipe dos xitanos". Como presidente da Sociedade Xitana Española fala da tranquilidade que caracteriza o funcionamento deste mercado, no que se dan cita dúas familias enfrontadas historicamente e dedicadas á actividade comercial, os Morones e os Zamoranos.
Na contorna atópanse cinco axentes da Policía Local, que revisan a legalidade do material que se vende. Moi preto atópanse Cristina Acuña, concelleira de Comercio e Marián Sanmartín, concelleira de Medio Ambiente comprobando que a actividade se desenvolve con normalidade. A responsable municipal do mercado ambulante sinala que o suceso do can que provocou o enfrontamento entre familias puido producirse nunha cafetería calquera. A circunstancia que o converteu en especial, sinalou Cristina Acuña, é que unha das persoas implicadas era unha vendedora ambulante. A familia do neno protagonista do incidente co can está relacionada co propio Sinaí Giménez. En todo caso, a concelleira sinalou que a decisión de reforzar a seguridade se adoptou desde o momento en que se ampliou o mercadillo a este novo espazo a mediados de xullo.
Na outra zona, situada na contorna do Mercado de Abastos, dous axentes da Policía Nacional mantéñense atentos a que todo transcorra con normalidade. O comisario provincial Manuel Bouzas recoñecía este xoves na Subdelegación que unha dotación de Pontevedra reforzaba á Policía Nacional de Marín con motivo da celebración do mercadillo. Para Sinaí Giménez a polémica entre Morones e Zamoranos é "auga pasada, que non move muíño" e engade que quen di que hai conflito faino para alarmar porque non lles interesa que veñan ao mercadillo de Marín. Con todo, fontes policiais sinalan que tres postos concedidos á familia dos Zamoranos non se instalaron na zona da Rúa Real durante este xoves no que numerosos compradores visitaron esta zona aproveitando o bo tempo.
Sinaí Giménez tamén quixo facer referencia á súa situación xudicial, despois de permanecer nunha prisión asturiana desde abril do 2016 ata agosto de 2017. Quedou en liberdade provisional tras pagar unha fianza de 50.000 euros, "como las de la Gürtel", apunta o representante do clan dos Morones. Deféndese dicindo que a algúns medios de comunicación interésalles "criminalizar mi persoa", pero asegura que a realidade é que a día de hoxe as súas experiencias penais son limpas e brancas "como una paloma blanca", malia que recoñece que aínda está pendente de casos en fase de instrución ou que se están investigando. Xustifica esta situación en que algunha vez pisou un callo a algún político e "eso me ha causado una mala pasada" para rematar afirmando que non cometeu ningunha infracción penal, polo que "non debería estar un solo día en prisión", indica.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A Policía Local de Marín comisa roupa falsificada nun posto do mercado de venda ambulante
Por Anxo Lourido |
-
Cruzamento de denuncias por un enfrontamento no mercado de Marín cunha embarazada agredida
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Chegan á Fiscalía os incidentes no sorteo de postos do mercado de Marín
Por Natalia Puga |
-
O sorteo de postos para o mercado de Marín acaba en lea
Por Redacción |
-
Un dos 'Morones', no banco por suposta estafa, sostén a súa inocencia e xustifica a súa violencia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Equipo de investigación dedicado a "Sinaí, o 'príncipe dos xitanos' que non dubida en aplicar o desterro"
Por Redacción |