Malestar en Poio pola tardanza en acudir os bombeiros para sufocar o incendio dun vehículo
Por Oskar Viéitez
O vehículo dun particular quedou totalmente calcinado. O coche empezou a arder este mércores ao mediodía no Camiño dos Chans no Lugar de Arís do Concello de Poio.
Nun primeiro momento acudiron os traballadores dun taller próximo para tratar de extinguir as chamas cos seus extintores pero non lles resultou posible sufocar o lume. Mentres tanto o 112 alertou ao Servizo de Emerxencias de Sanxenxo que tardou unha media hora en chegar cunha dotación.
Os veciños da zona queixáronse pola tardanza e expresaron o seu malestar ao non acudir os Bombeiros do Parque municipal de Pontevedra que a pesar da súa proximidade non atende este tipo de servizos en cumprimento do protocolo que establece o mapa de emerxencias de Galicia.
TRACTOR ENVORCADO
Este mércores os servizos de emerxencias acudiron a Caldas de Reis onde un home resultou ferido ao envorcar o tractor que manexaba.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse pasadas as dez da mañá no lugar de Aboi, na parroquia caldesa de Santo André de Cesar, cando un tractor envorcou sobre unha fosa e o condutor quedou debaixo do vehículo agrícola. Pese ao impacto, o home puido ser liberado de inmediato sen a necesidade de empregar o equipo de excarceración debido a que tiña a maior parte do corpo libre salvo parte das pernas. Finalmente, foi evacuado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.
Na atención do operativos participaron os Bombeiros do Salnés, os membros do GES de Valga e os voluntarios de Protección Civil da localidade, aínda que bastou con mover un pouco o tractor para liberar ao condutor.