O Goberno local de Marín valora positivamente o primeiro ano de Recolte como adxudicataria do servizo do lixo
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, acompañada de técnicos municipais, reuniuse este martes coa empresa Recolte adxudicataria do contrato de xestión do servizo público de recollida, transporte e tratamento de residuos domésticos e asimilables, do concello de Marín, coa finalidade de comprobar a incorporación da maquinaria, medios materiais e demais equipos, incluídos na oferta, unha vez transcorrido o primeiro ano dende o inicio da prestación do servizo.
A reunión tivo lugar na nova nave que Recolte ten no municipio de Barro.
Segundo informa o concello, "o contrato se está a executar con total normalidade", cun seguimento na súa execución desde o primeiro día e "dándose pasos para lograr a mellora substancial que se notou no servizo da recollida de lixo".
O novo contrato ten unha duración de 8 anos, a diferenza do anterior que era de 16 anos, o que constituíu unha duración moi longa e unha falta de adaptación á realidade existente que nun período de tempo tan longo xerara moitos problemas.
A nova empresa tivo que renovar todos os contenedores de lixo de acordo co novo contrato, o que fixo que a imaxe de Marín mudase considerablemente e tamén se cambiaron os camións de recollida.
O goberno local salienta que con este novo contrato se conseguiu unha "gran mellora na recollida selectiva", xa que se logrou pasar de 37 illas de reciclaxe a mais de 250, polo que ao aumentar o número de contedores de residuos, amarelos, vidro e de cartón, se chegou a practicamente todos os recunchos do municipio. Isto fixo que cada domicilio teña unha maior facilidade para reciclar e provoque mais concienciación na veciñanza para incrementar a porcentaxe de reciclaxe.
Tamén se fixo recentemente a campaña de sensibilización que a empresa concesionaria levou a cabo, como parte do contrato que ten co Concello de Marín, co obxectivo de concienciar da importancia de reciclar e sobre todo de reciclar correctamente.
"A calidade na reciclaxe se mellorou moitísimo" dende a implantación dos novos contenedores, pasando de cifras que chegaban ao 60% de impropios a estar actualmente por debaixo do 30%. Respecto da subrogación dos traballadores se conseguiu incrementar a plantilla, estando por tanto nestes momentos traballando máis persoal que co contrato anterior.
"Marín ten un ano despois unha imaxe máis nova e moderna e un mellor servizo, polo que co novo contrato se conseguiu dar un salto cualitativo importante, que xerou unha maior comodidade e un maior e mellor cumprimento para o concello no servizo público que se presta a través da contratación externa", conclúe o goberno local.
Relacionadas:
-
Os traballadores do servizo de recollida do lixo en Marín sopesan ir á folga
Por Redacción |
-
Marín solicita ao comercio da vila a súa adhesión á recollida de cartón
Por Redacción |
-
Marín achaca o aumento da reciclaxe no municipio aos novos contedores
Por Redacción |
-
Adeus aos contedores de lixo soterrados na rúa Almuíña
Por Redacción |
-
Marín estreará en dous meses o novo sistema de colectores de lixo
Por Redacción |