A piques de rematar as obras na estrada provincial Barrantes-Vilariño, en Cambados
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, rematará nas próximas xornadas a rehabilitación do firme da estrada provincial EP-9506 Barrantes-Vilariño, dentro do termo municipal de Cambados. A actuación, segundo explica o deputado Uxío Benítez, supón a mellora duns 900 metros cadrados ao final da vía, e está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes que a institución provincial estreou este ano para mellorar a rede provincial.
As obras nesta estrada débense a que os vixiantes da zona detectaron aglomerado en mal estado en lugares puntuais debido ao seu uso e tamén ás inclemencias do tempo. Ante isto, activouse o novo contrato marco e iniciáronse as obras de rehabilitación estrutural a primeiros de agosto co fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo.
Os traballos, segundo está previsto, finalizarán nos vindeiros días, cando a empresa retomará a actividade e repintará a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebrados, símbolos e frechas).
Na comarca do Salnés son xa varias as estradas que se están a rehabilitar na batida de renovación da rede viaria a través do novo contrato marco do Plan de Conservación, que ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais para as estradas da provincia.