Critican a decisión do concello de cortar varias pólas de dúas árbores para dar acceso aos camións da París de Noia
Por Oskar Viéitez
Dende En Marea Ponte Caldelas criticaron a decisión do equipo de goberno do concello porque o pasado domingo, durante as Festas das Dores, decidiron cortar varias pólas de dous plataneiros para que o camión da equipa de montaxe da orquestra París de Noia accedese ao recinto onde tiñan previsto levantar o escenario.
Ademáis, o sábado, outro dos camións doutra orquestra bateu ao manobrar contra o aleiro da Praza de Abastos rompendo e arrincando parte da súa chapa e do cemento que o cobren.
Dende En Marea Ponte Caldelas denuncian que se tomasen as decisión de dar acceso aos camións "sen analizar as posibles consecuencias e danos que podían ocasionar, e máis ainda por establecer nese espazo a situación das orquestras, cando a tan só dez metros a vila conta cun espazo de fácil acceso e que evitaría estes estragos".
No que atinxe ao aleiro da Praza de Abastos esta formación política esixe a súa "reparación inmediata".