O servizo ORAL recadou en tributos máis de 122 millóns de euros no 2017 para 54 concellos da provincia
Por Oskar Viéitez
A recadación dos 54 concellos da provincia de Pontevedra que teñen delegada a xestión de taxas ou impostos no servizo ORAL ascendeu en 2017 a máis de 122 millóns de euros. Son 2 millóns de euros máis respecto de 2016, un 1,6% máis que o ano anterior.
Segundo lembrou este luns en rolda de prensa o deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font,"la Diputación no cobra ni tasas ni impuestos, a lo que se limita es a recaudar esos impuestos y esas tasas de aquellos ayuntamientos que lo delegan y lo convenian" por tanto a administración provincial "hace lo que nos piden y a continuación se ingresa el dinero a los ayuntamientos" correspondente á recadación de tributos como o IAE, o IBI, o IVTM, o lixo, as sancións de circulación e nalgúns outros casos de licenzas de apertura, licenzas urbanísticas e a xestión recadadora voluntaria doutras taxas e ingresos.
Na comarca de Pontevedra son 7 concellos os que teñen delegada a xestión tributaria no ORAL: Poio, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama e Vilaboa. Estes concellos recibiron máis de 10 millóns de euros da recadación das súas taxas e impostos do ano 2017.
Carlos Font tamén avanzou os datos de recadación do primeiro semestre de 2018 que superan os 40 millóns de euros o que significa que as 14 oficinas que o servizo de ORAL ten repartidas por toda a provincia levan recadado máis que en 2017, cando a finais de xullo levaban 38,8 millóns de euros. Son 1,2 millóns de euros e un 3% máis que o ano pasado nas mesmas datas.
Font matizou que "no son datos significativos" xa que cada ano as variantes cambian e ademais os impostos máis importantes sempre se tramitan nos meses finais de ano como é o caso do IBI que comezou esta mesma semana.
REGULARIZACIÓN CATASTRAL
Carlos Font tamén informou dos primeiros datos do proceso de regularización catastral que se está realizando nos concellos da provincia "a imposición del anterior ministro Montoro, que obligó a los municipios a afrontar la revisión".
En canto aos datos provinciais, instaláronse puntos informativos en 17 municipios, nos que levan atendidas 9.975 persoas e realizáronse 2.870 alegacións ou recursos. Cando finalice o período para presentar reclamacións, o Ministerio enviará ao ORAL en setembro, como fai cada tres meses, ao redor de 27.000 liquidacións na provincia que despois liquidará en outubro.
No caso da comarca de Pontevedra, a Deputación estableceu puntos de atención informativa en Poio e Barro atendendo a 288 persoas afectadas pola revisión en Poio e 63 en Barro. Ademais, presentáronse 54 alegacións en Poio e 18 en Barro.