Da Silva: "Calquera que viñese a Pontevedra esta fin de semana pensaba que se trasladara a unha cidade olímpica"
Por Anxo Lourido
A portavoz ocasional do Goberno de Pontevedra, Carme da Silva, realizaba este luns un balance moi positivo do desenvolvemento das actividades deportivas e festivas durante esta fin de semana, que contaron co Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia como o eixo central destes eventos. "Pontevedra botaba por fóra por todas partes", afirmaba Da Silva, indicando que "calquera persoa que viñese a Pontevedra esta fin de semana e non nos coñecese pensaba que se trasladara a unha cidade olímpica" ao celebrarse ao mesmo tempo a proba de tríatlon, o 3x3 de baloncesto na rúa e a exhibición de salto.
A responsable de seguridade no Concello de Pontevedra sinalou que tanto os servizos de deportes como os de seguridade van elaborar un informe sobre as incidencias e os erros que se puideron rexistrar durante este fin de semana para liquidalos para a celebración dos Campionatos Mundiais de Tríatlon de 2019 que se celebrará na cidade. "Hai profesionais que nos dirán que hai que cambiar", indicou.
A concelleira restou importancia ás críticas realizadas por algúns cidadáns que manifestaban sentirse "secuestrados" ao ter dificultades para entrar ou saír das súas vivendas con vehículos. Carme da Silva indicou que "secuestrado non vin a ninguén e andiven por Pontevedra todo o día". Pediu desculpas ás persoas que se viron afectadas e recoñeceu que miles de veciños tiveron que cambiar os seus hábitos durante esa xornada. "A maioría tiña unha alternativa. Por iso agradecemos a quen cambiou os seus hábitos", afirmou. Sinalou tamén que agora se estudará se se debe manter o mesmo percorrido para as probas mundiais e se é necesario mellorar o servizo de comunicación previa. "Estou segura de que hai cousas que corrixir", afirmou a concelleira. En calquera caso, aclarou, non se contempla o pago por parte do goberno local de aparcadoiros para aqueles residentes que se vexan afectados polo acceso con vehículo aos seus domicilios.
Cualificou de "estupenda" a colaboración cidadá. Neste sentido sinalou que Pontevedra é das poucas cidades nas que se poden realizar este tipo de eventos e, por ese motivo, a Federación Internacional de Tríatlon concede a este municipio as probas mundiais de 2019 ao ofrecer garantías de organización con seguridade e alta participación. Da Silva tamén destacou a proxección internacional que estas citas deportivas teñen indicando que na retransmisión do Tríatlon de Montreal os comentaristas xa se estaban a referir á cita co ITU Multisport Festival de Pontevedra de 2019.
En canto ás queixas por falta de información sobre os cortes de tráfico na N-550 por parte doutros Concellos da contorna, a responsable municipal sinalou que se avisou ao goberno de Barro, municipio por onde pasaba o traxecto da proba e recoñeceu que se é necesario se comunicará a todos os Concellos da provincia en próximas ocasións.
Relacionadas:
-
Lores suspende dúas veces a sesión plenaria polas interrupcións das protestas da Policía Local
Por Anxo Lourido |
-
O PP esixe "máis diálogo e máis previsión" para evitar que Pontevedra volva ser unha "ciudad amurallada" polo tríatlon
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín |
-
Sergio García e Aída García, vencedores do Tríatlon Cros Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Saleta Castro, subcampioa de España nunha xornada de festa para o tríatlon pontevedrés
Por Diego Espiño & Paula Sanmartín |
-
Moito ollo ás restricións de tráfico con motivo do Campionato de España de Tríatlon de longa distancia
Por Redacción |