A CIG maniféstase este xoves ante AEMPE porque "non cremos no pacto social polo emprego"
Por Anxo Lourido
"O que buscan é desmobilizar. O pacto social vai ser unha representación". Marcos Conde da CIG é contundente ao falar sobre a reunión que se celebrará este xoves 16 na Moncloa entre o presidente do Goberno e os presidentes da patronal, Juan Rosell e Jesús Terciado cos secretarios xerais de CC.OO. e UGT, Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez.
Segundo expoñen no sindicato nacionalista, o goberno non vai dar marcha atrás en ningunha das últimas reformas realizadas e que supuxeron recortes laborais e aumento do paro. O secretario comarcal de CIG, Rafael Iglesias, apuntou que "é falsa a esperanza de que se van sentar as políticas de crecemento. O contrato único non é valido". E teme que a patronal só busque abaratar o despedimento: "Bruxelas está a recordar que hai que revisar as pensións e abaratar o despido. Iso vai significar indemnizacións igual a cero".
Ante esta situación, o sindicato aproveitará a asemblea informativa que manterán pola mañá "porque moitos traballadores non son conscientes de que poden quedar sen pensións" para que ás 12 do mediodía os delegados sindicais inicien unha manifestación na Praza da Ferrería que finalizará na sede dos empresarios pontevedreses, AEMPE.
QUEREMOS GALEGO!
Por outra parte, a central nacionalista apoiará a manifestación Queremos galego! que se desenvolverá este 17 de maio na Alameda de Santiago. Aqueles que queiran reservar prazas nos autobuses da CIG teñen que chamar 986.847.610