Unha nova vida para o antigo colexio Os Campos
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Pontevedra e o Partido Popular coinciden na idea de buscar un uso social e cultural para o antigo colexio dos Campos, en Mourente.
A concelleira do PP, María José Rodríguez, explicou este mércores en roda de prensa que o seu grupo mantivo reunións coas asociacións de veciños de Mourente e de Monte Porreiro que se mostraron "encantadas" coa posibilidade de que lles cedan o uso destas instalacións.
"O recinto dos Campos que ten unha superficie de 2.819 metros cadrados con tres instalacións, está totalmente abandonado, o Concello tapiouno para evitalos okupas", dixo Rodríguez Teso facéndose eco dunha demanda vecinal que ata agora non foi atendida "ao mellor foi porque eles o pediron coa boca pequena, agora nos teremos que pedilo coa boca grande".
O responsable municipal da parroquia de Mourente, o concelleiro nacionalista, Miguel Filgueira, explicou que o pasado mes de outubro a delegación territorial da Consellería de Educación informou favorablemente a autorización para que o antigo colexio dos Campos sexa desafectado dos seus vellos usos educativos.
Hai xa catro anos que foron pechadas estas instalacións, sendo trasladados os alumnos ao colexio de Monte Porreiro.
Miguel Filgueira explicou que o Concello solicitou esa desafectación para aproveitar os locais para usos sociais e culturais. "Unha das ideas é dedicalo a centro social", aínda que se barallan outras alternativas como local para a terceira idade ou escola taller.