O PP agarda máis de 1.500 persoas o sábado no inicio do curso político en San Xurxo
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra agarda que máis de 1.500 persoas, entre cargos políticos e militantes, asistan o sábado 1 de setembro ao acto de apertura do curso político do PP galego na Carballeira de San Xurxo de Sacos, en Cerdedo-Cotobade.
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, sinalou este domingo, a través dun comunicado, a importancia deste arranque do novo curso nun ano que vai ser clave, coa convocatoria das eleccións municipais para maio de 2019.
O novo presidente do PP a nivel estatal, Pablo Casado, elixiu este ano Ávila como localidade na que abrirá o curso político nacional, ao ser a circunscripción pola que é deputado no Congreso, pero confirmou a súa asistencia ao acto de apertura do curso político galego. A cita estatal será o domingo 2 de setembro e a pontevedresa un día antes, o sábado 1.
Alfonso Rueda amosa a súa satisfacción pola presenza de Pablo Casado e considera que con este acto "amosa o seu recoñecemento polo traballo do partido en Galicia e na provincia". O acto contará coa presenza de Rueda, Pablo Casado e o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
O PP provincial insiste en que con este 2018 xa van doce anos consecutivos desde que o PP elixe esta provincia para marcar o inicio do curso político, no que de novo porán en valor a unidade do partido. Este ano, por primeira vez en moitos, non será a cita que inaugure o curso a nivel estatal, como sucedeu na etapa de Mariano Rajoy como presidente do partido, pero a cita agárdase que manteña a mesma importancia que en anos pasados.
Rueda considera fundamental amosar a forza que ten o Partido Popular, "un partido serio e de goberno, e que é a única opción para garantir gobernos estables, de xestión e de futuro en cada un dos concellos desta provincia e tamén na Deputación de Pontevedra".
O líder dos 'populares' pontevedreses avanza, ademais, que nos próximos días comezarán a desvelarse os nomes dos candidatos do PP para a próxima cita electoral.