A mellora da estrada Xoán XXIII-Figueirido, só pendente da sinalización horizontal
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ematará esta vindeira semana a rehabilitación do firme da estrada provincial EP-0012 Xoán XXIII-Figueirido, dentro do termo municipal de Pontevedra.
A actuación supón a mellora de treitos puntuais en mal estado ao longo dos cinco quilómetros da vía e está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes que a institución provincial estreou este ano para mellorar a conservación da rede viaria provincial, segundo informou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez,
Segundo explica Benítez, os vixiantes da zona detectaron o mal estado do aglomerado, no que había algún afundimento, fendas e cuarteados en lugares puntuais. Ante isto, activouse o novo contrato marco e iniciáronse as obras de rehabilitación estrutural o pasado 1 de agosto co fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodadura e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo.
Os traballos, segundo está previsto, finalizarán a semana próxima, cando a empresa retomará a actividade e repintará a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, cebreados, símbolos e frechas).
Coa mellora do firme na estrada de Figueirido comézase a batida de renovación da rede viaria en toda a comarca de Pontevedra a través do novo contrato marco, que ten un orzamento de 4,4 millóns de euros anuais para as estradas da provincia.