O PPdeG volverá abrir o curso político en San Xurxo de Sacos e confirma a presenza de Pablo Casado
Por Redacción
O PP cambiou de presidente a nivel estatal, Pablo Casado, e a pesar de que non ten orixe galega coma o seu sucesor, Mariano Rajoy, segue a ter unha especial deferencia por Galicia. O novo responsable elixiu Ávila a apertura do curso político a nivel estatal, pero quere estar presente no acto de apertura do curso a nivel galego.
A pesar de que Galicia xa non será a comunidade na que o partido conservador inaugure o curso a nivel estatal, o PP de Galicia mantén o tradicional acto de apertura e organizouno para o vindeiro sábado 1 de setembro na Carballeira de San Xusto, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. É a ubicación que levan elixindo os 'populares' durante os dous últimos anos tras ter que deixar o castelo de Soutomaior por decisión da Deputación Provincial do goberno bipartito PSOE-BNG.
O novo presidente do Partido Popular estará no acto, previsto para o día anterior á apertura do curso estatal o domingo 2 de setembro en Ávila. A agrupación que preside Alberto Núñez Feijóo amosa o seu "orgullo" por constatar a especial atención que o líder do PP nacional ten cara Galicia e cara ao PPdeG.
Respecto disto, lembran que xa para o inicio da súa campaña interna a presidir o partido Casado elixira esta comunidade. Contar coa súa participación no acto do vindeiro sábado será, polo tanto, "unha mostra máis do seu recoñecemento ao Partido Popular de Galicia".
O inicio do curso político en Cerdedo-Cotobade será o punto de partida a un período "intenso e apaixonante", que culminará coas eleccións municipais de 2019. O PPdeG arranca esta etapa traballando a pleno rendemento e con todos os esforzos postos en construír proxectos que ilusionen aos veciños de cada recuncho de Galicia.
Ademais, os 'populares' galegos auguran que será un ano no que se poña de manifesto a debilidade do actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "refén da axenda que lle marquen os nacionalistas vascos, os independentistas cataláns e Podemos, e cun executivo que goberna de costas a Galicia".
Relacionadas:
-
A sombra de Rajoy preside o acto do inicio do curso político do PP de Pablo Casado
Por Oskar Viéitez |
-
O PP agarda máis de 1.500 persoas o sábado no inicio do curso político en San Xurxo
Por Redacción |
-
O PP, en San Xurxo pensando en Barcelona: "Rompéronnos a alma, pero non van romper nunca o que somos"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
O PP agarda 1.500 persoas o domingo no inicio do curso político en San Xurxo, que presidirá Rajoy
Por Redacción |
-
Rajoy repetirá na carballeira de San Xurxo para abrir o curso político nacional do PP
Por Redacción |