Coidado, o diaño anda solto
Por Oskar Viéitez & Paula Sanmartín
Este xoves o Demo regresou co seu séquito á cidade do Lérez facendo gozar aos nenos coas súas correrías. Tras unha fumareda de "xofre" abandonou a caldeira do inferno pola saída que, seica, se atopa nos Arcos de San Bartolomé.
A representación iconográfica do San Bartolomé vai unida a dous curiosos aspectos, o do seu martirio (arrincáronlle a pel a tiras) e o da súa presenza xunto ao diaño (como recolle a imaxe do templo parroquial pontevedrés). Fontes tradicionais narran a expulsión dun demo chamado "Astaroth" que vivía dentro da estatua dun templo pagán.
A saída do Diaño polas rúas celébrase en moitos recunchos de España, entre os máis coñecidos está Jerez de los Caballeros.
Conta a lenda, que a véspera da festividade do apóstolo desollado, o 23 de agosto, o diaño que o santo mantén atado o resto dos días, escápase do seu cativerio e corre polas rúas de ao redor da igrexa, atormentando a todo aquel que se cruza no seu camiño.
No ano 2001 a Boa Vila recuperou esta tradición recollida nos debuxos de Agustín Portela e asociada á figura de Dominguiños, un personaxe popular do barrio mariñeiro da Moureira que, a mediados do século XX, interpretaba o papel do Demo.
Dominguiños, que padecía unha rechamante coxeira, entraba nas tabernas e tomábase as bebidas dos clientes agarrando unha tremenda borracheira, momento aproveitado polos nenos para meterse con el a risco de sufrir un bastonazo.
Para completar a xornada, esta tarde a Banda de Música se Salcedo ofrecerá o concerto de San Bartolomé na praza José Martí e a partir das 21,30 horas a praza do Teucro será escenario dunha foliada que busca rememorar unha verbena dos anos cincuenta.