A subdelegada axilizará trámites para que menores do Magreb e da África Subsahariana poidan ser operados en Pontevedra
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, recibía este mércores a José Raúl Besada Vázquez, representante da organización non gobernamental (ONG) 'Tierra de hombres', unha entidade que desenvolve actividades principalmente sanitarias nos países do Magreb e do África Subsahariana, sobre todo en Malí, Senegal, Benin, Togo e Guinea Conakri.
'Tierrra de hombres' desenvolve un traballo que permite que menores destes países con distintas enfermidades ou traumatismos se despracen a España para ser atendidos e operados das patoloxías que padecen. Esta ONG conta cun programa de colaboración con hospitais tanto públicos como privados de Galicia.
O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi, este ano, o primeiro na provincia que tras asinar un convenio de colaboración coa ONG realizou a primeira intervención dunha menor procedente de Senegal. Esta nena de dez anos fora atropelada no seu país. Alí foi operada do nocello danado pero o resultado non fora satisfactorio. No hospital público de Vigo foi intervida de novo e sometida a cirurxía plástica. Agora atópase en fase de rehabilitación.
O representante de 'Tierra de hombres' solicitou á subdelegada que os servizos de estranxeiría axilicen os trámites para que estes menores poidan viaxar con garantías e seguridade na súa estadía con familias de acollida ao mesmo tempo que reciben o tratamento sanitario. Larriba confirmou que tentarán axilizar estes procesos e mostrou o seu apoio á ONG polo labor que realiza