O Concello lamenta que "Hablamos español" acuda a Sanxenxo para lograr repercusión mediática
Por Oskar Viéitez
A asociación "Hablamos español" que preside a profesora viguesa Gloria Lago, tamén presidenta de Galicia Bilingüe, volveu solicitar permiso para montar unha mesa de recollida de sinaturas en Sanxenxo este martes 21 e o vindeiro sábado 25 de agosto. A súa intención é solicitar firmas para lograr a aprobación dunha lei de ámbito nacional que garanta a liberdade de elección de lingua, que as administracións sexan bilingües, e que non se prime o coñecemento dunha lingua á competencia profesional.
O pasado sábado 28 de xullo durante outra recollida de firmas por parte deste colectivo producíronse incidentes e altercados que requiriron a intervención da Policía Local e a Garda Civil.
O Concello de Sanxenxo, a través do xefe da Policía Local, desaconsellou a autorización, aínda que finalmente a Subdelegación de Goberno, que é o órgano competente, autorizouna. Os incidentes ocorridos na anterior ocasión e que a data solicitada coincida en plenas festas patronais recomendaba, desde o punto de vista do goberno de Sanxenxo, non autorizar a solicitude presentada.
Segundo trasladaron desde o goberno local, "é evidente que esta asociación quere utilizar o escaparate de Sanxenxo, como principal destino turístico de Galicia nestas datas, para que os seus actos adquiran a repercusión mediática que non terían doutra forma".
O equipo do alcalde Telmo Martín recoñece que é un dereito constitucional de calquera asociación legal o manifestarse e recoller fsinaturas a favor do que consideren oportuno. Pero considera que "non é menos certo que, neste caso, intúense segundas intencións, menos plausibles e democráticas, que as que se argumentan na solicitude do permiso. A verdadeira intención desta asociación non é recoller sinaturas, senón crear polémica para lograr maior repercusión mediática para o seu colectivo e a súa principal dirixente".
Argumentan desde o consistorio que "se a súa única intención fose recoller firmas utilizarían outros medios tecnolóxicos, bastantes máis eficaces e que son aos que habitualmente están a utilizar as asociacións que promoven iniciativas similares".
"Coa mesma contundencia que rexeitamos a utilización de Sanxenxo para intencións espurias, o goberno oponse a calquera intento de aproveitar o acto autorizado pola Subdelegación para buscar polémicas e enfrontamentos por parte de colectivos de signo ideolóxico contrario", reza un comunicado emitido polo executivo local.
Neste texto engádese que "Os polos opostos adoitan coincidir no interese de alterar e prexudicar a boa convivencia entre a maior parte da sociedade, que actúa con bastante máis sentido común e fai uso da súa liberdade de falar en galego e en castelán cando e como queira. A gran maioría da sociedade non comparte as formulacións radicais, nin duns, nin doutros e, por tanto, rexeita calquera utilización maniquea dos dereitos constitucionais e democráticos".
O goberno de Sanxenxo respecta, "porque é a nosa obrigación", a autorización da Subdelegación e para que non se repitan os incidentes da vez anterior "pedimos aos veciños e, especialmente aos concelleiros da Corporación, que eviten participar en calquera confrontación que contribúa a manchar o bo nome de Sanxenxo".