O BNG lamenta a "ineficaz" xestión de residuos voluminosos do goberno municipal de Moraña
Por Oskar Viéitez
O BNG lamenta a situación na que se atopa o entorno da nave do Concello ubicada no Polígono de Mirallos, "onde están ciscados de calquera maneira todo tipo de residuos voluminosos".
Para o BNG o culpable desta situación é o goberno municipal do PP, "que é quen promove que se tiren nese punto os residuos sen ningún tipo de xestión ou control". Segundo sinalou o portavoz do Bloque, Marcos Suárez, o PP en reunións parroquiais que mantivo coa veciñanza promoveu como normal que alí se depositaran os residuos que quixeran.
Os nacionalistas din que esta situación débese á "falta de acción do goberno municipal do PP", pois hai unha moción do BNG aprobada por unanimidade pola Corporación Municipal para a construcción dun punto limpo desde o ano 2012. Ademais disto tamén se promoveu polo BNG unha moción a favor dunha Moraña limpa, na que se solicitaba promover e desenvolver unha campaña específica.
Ante a necesidade de dar respostas ao problema actual cos residuos voluminosos e perigosos, e evitar vertedoiros incontrolados no concello, desde o BNG cren que hai que ofrecer aos comerciantes, empresarios e cidadáns en xeral unha xestión axeitada.
E ademais de todo isto "evitar imaxes lamentables cos residuos ciscados de calquera maneira nun entorno público", onde se ubica a nave de servizos do Concello, e próxima á piscina municipal. "Aquelas persoas que estes días de verán están veraneando no noso concello e se acheguen á piscina levarán unha mala imaxe de Moraña", concluíu Marcos Suárez.