Os dous especialistas en España en traslado de espazos deportivos tentarán montar as pistas do Multiusos no Recinto Feiral
Por Redacción
Durante a tarde deste martes comezan os traballos de reforma do Pavillón Multiusos da Xunqueira. Durante a mañá, o concelleiro responsable desta obra, Demetrio Gómez, mantiña un encontro con técnicos municipais e das empresas que interveñen nesta obra. Asinouse a acta de reformulo para o inicio e ao mesmo tempo, levou a cabo a reunión de coordinación co obxectivo de apurar os prazos para esta operación, que supón tamén o traslado das dúas pistas deportivas do Multiusos ao interior do Recinto Feiral.
Demetrio Gómez indicou que se analizou a instalación de vestiarios, que será o primeiro paso neste proxecto, tanto para pistas deportivas como para campos de fútbol e realizarase de forma que non se interrumpa a actividade dos clubs.
A empresa encargada do traslado é Mondo Ibérica, que foi provedora oficial dos Xogos Olímpicos de Barcelona e que conta cos dous únicos técnicos especialistas en España neste tipo de intervencións. O proceso será complexo, segundo indicou o concelleiro, que avanzou que a partir deste mércores comezará a levantarse a pista do Multiusos para trasladala ao Recinto Feiral. Vai tentarse que estes traballos se executen no menor prazo de tempo posible pero que quede en perfectas condicións para que se garanta o seu bo uso, indican desde o goberno local. Empréganse técnicas especiais para o corte da superficie e a súa montaxe.
As obras do Multiusos contan cun orzamento que supera os dous millóns de euros e o traslado da pista apenas supón un incremento das partidas previstas inicialmente, segundo Demetrio Gómez.
O Concello manexa un plan B no caso de que esta instalación das pistas no interior do Recinto Feiral non sexa posible. Neste caso, sería necesario adquirir novas pistas. O goberno local estuda, en todo caso, que se as pistas adáptanse sen problemas tamén se poidan reutilizar tras o seu uso nas instalacións do Pazo da Cultura.
O prazo de execución das obras de reforma do Multiusos, a cargo da UTE formada polas empresas Prace Servicios y Obras e Constructora San Emeterio (COPSESA), é de catro meses. Nove clubs deportivos utilizan estas instalacións, ao redor de 7.000 usuarios mensuais, segundo os datos do Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
As obras avanzan a bo ritmo e os adestramentos poderán volver ao pavillón da Xunqueira en decembro
Por Redacción |
-
As pistas deportivas provisionais, a pleno rendemento no Recinto Feiral
Por Redacción |
-
As pistas deportivas do Multiusos instalaranse no Recinto Feiral durante as obras de reforma do pavillón
Por Diego Espiño |
-
A reforma do Multiusos comezará "canto antes" e concluirá a finais de ano
Por Alejandro Espiño |