Cadea humana para apagar un incendio ao pé da praia na Illa de Arousa
Por Redacción
Un grupo dunha vintena de bañistas creou na tarde deste luns unha cadea humana para colaborar na extinción dun incendio que se declarou no parque natural do Carreirón na Illa de Arousa.
Testemuñas presenciais indicaron que o incendio se iniciou sobre as 18.30 horas na zona de piñeiral situada xusto a pé de praia e a rápida intervención dos bañistas logrou frear a súa expansión.
Para facelo, cargaron bidóns de auga directamente desde o mar e, a través dunha cadea humana, lograron chegar ata o piñeiral que ardía e sufocar as lapas, que estaban afectando a unha matogueira.
Todo ocorreu na praia Petóns e entre os voluntarios que lograron apagalo estaban tanto bañistas que se atopaban nese momento no areal como outras persoas que ían en kaiak polas proximidades do lugar do incendio e, ao ver o que estaba a ocorrer, dirixíronse á zona e axudaron nas tarefas de extinción.