Sanxenxo sinala que a Deputación só aprobou 4 dos 12 proxectos remitidos polo Concello
Por Oskar Viéitez
O Goberno local de Sanxenxo sinalou que só ten coñecemento da aprobación de 4 dos 12 proxectos remitidos á Deputación
Nun comunicado de prensa o Concello enumerou que están "en espera" os proxectos de abastecemento Outeiro-Quintáns-Ricardo Santos e o de Buezas-Aldariz.Tamén a instalación do saneamento en Canelas e a subministración dunha bomba de auga. Mentres que xa foi aprobada a pavimentación de Noalla-Vilalonga.
Isto en canto a servizos básicos pois no capítulo de infraestruturas atópanse "en espera" os proxectos do Priorado de Arra, as marquesiñas, o da Casa de Don Fernando o do Camiño As Salinas e Da Costiña a Fonte de Ons e xa foron aprobados os do Parque do Espieiro, o equipamento informático, e o máis recente dos aseos nas praias.
Respecto deste último o goberno local enviaba o pasado mes de febreiro á Deputación, un proxecto para poder ser financiado a través do Plan Concellos 2018/2019, para dotar de novos módulos a seis praias do municipio, que melloraría o servizo dos areais.
No momento que se enviou, quedaban pendentes unha serie de autorizacións sectoriais, que xa foron conseguidas e o visto e prace por parte da Deputación. Este proxecto está valorado en 132.000 euros, e denomínase "subministración, transporte e emprazamento de módulos mixtos prefabricados para salvamento e aseos nas praias".
A redacción do proxecto, baséase en que algunhas das praias do termo municipal, carecían de módulos de aseos que dotasen dese servizo aos areais. Ademais, outras praias que si os teñen, pero que se atopan moi deteriorados, tanto pola súa antigüidade, como tamén polo uso intensivo que se lles dá durante a tempada estival. Na mesma situación atópanse os módulos de salvamento para socorristas.
Así, co obxectivo de mellorar a prestación de servizos públicos nas praias, redactouse e remitido á Deputación este proxecto que permita a instalación de módulos mixtos para socorristas e de aseos nos areais da Lanzada, Bascuas, Paxariñas, Canelas, Caneliñas e Silgar.
En canto ás súas características, serán módulos mixtos de 19 e 24 metros cadrados. Estarán divididos en dous espazos e contarán cunha parte reservada a salvamento, con todo o material e equipamentos necesarios e outra parte que será para os aseos. Nesta, haberá inodoros, lavabos, espellos, cambiadores de cueiros, etc.
En vista do tempo que a Deputación tardaría en dar visto e prace para o financiamento deste proxecto, para esta tempada estival adquiríronse 6 módulos novos. 4 son módulos de aseos, en réxime de aluguer e dous de salvamento, que se compraron en propiedade.
Isto supuxo un investimento de máis de 40.000 euros que irán con cargo a fondos propios municipais.
Os módulos adquiridos en propiedade irán destinados a outras praias do municipio, que tamén necesitan unha renovación, unha vez que o Concello poida facer realidade o proxecto do Plan Concellos.