A Cabalería da Garda Civil reforza a seguridade na Lanzada
Por Redacción
O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil reforza desde este sábado as patrullas de seguridade cidadá e do Seprona na praia da Lanzada, unha paraxe natural que reúne durante o verán unha importante afluencia de turistas.
Tres axentes, coas súas correspondentes monturas, integráronse pola tarde no dispositivo de seguridade que despregan habitualmente os postos da Garda Civil do Grove e Sanxenxo ao redor da praia da Lanzada e, segundo informou da Garda Civil, non tardou en xurdir o primeiro auxlio e colaboración, pois os axentes localizaron un coche aberto con todo a equipaxe á vista susceptible de ser vítima de calquera delito contra o patrimonio e custodiárono ata a localización do condutor.
A Garda Civil lembra que o auxilio e a atención ao cidadán, a prevención de roubos en interior de vehículos e o coidado e a protección da natureza son as principais misións que realizan durante a época estival nesta contorna natural, que constitúe un dos ecosistemas dunares máis representativos do litoral galego, integrado na Rede Natura 2000.
O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil ten destacados en Pontevedra a seis xinetes coas súas respectivas monturas no marco da Operación Verán para a prevención de incendios forestais e a seguridade do Camiño de Santiago.
Cabe apuntar que esta unidade ten unha ampla tradición e experiencia, non só na extinción de incendios forestais, senón tamén na prevención e mantemento da seguridade cidadá.
A campaña de verán da Garda Civil comezou o 1 de xullo e en toda Galicia suma 2.300 efectivos. O dispositivo implica a persoal de distintas unidades da Garda Civil das catro provincias galegas -Servizo de Protección da Natureza (Seprona), Agrupación de Reserva e Seguridade, Seguridade Cidadá, Policía Xudicial, Servizos de Informacion e Unidade Aérea- e reforzouse con 60 axentes do Escuadrón de Cabalería e máis medios procedentes de unidades chegadas de distintos puntos de España.