Cerdedo-Cotobade estuda abrir un expediente sancionador á empresa de recollida de cartón
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está analizando a documentación de cara á apertura dun posible expediente sancionador á empresa adxudicataria da recollida de papel-cartón no municipio e non desbota a rescisión do contrato.
Así o deu a coñecer este venres o propio goberno local, que acaba de informar de que a empresa está a incumprir o contrato en aspectos como as frecuencias e os días de retirada e non está a prestar axeitadamente o servizo desde hai meses.
Desde o goberno local piden desculpas aos veciños porque non se está facendo unha recollida correcta do papel e o cartón e acumúlase nos contedores, pero queren deixar claro que a responsabilidade é da empresa, que incumpre o acordado malia os contactos continuos que están a ter con eles.
O executivo xa está analizando, xunto co secretario municipal, todas as condicións do contrato para determinar con exactitude os incumprimentos e abordar a posible apertura dese expediente sancionador.
A situación saltou á luz porque desde hai semanas hai moita acumulación de papel e cartón. O goberno local deuse conta e, ademais, recibíronse no Concello queixas e protestas dos veciños. Ante tal situación, segundo indica o Concello, fixeron chamadas diarias e intensificaron as súas peticións á empresa, en especial antes das Festas do Ecce Homo de Cerdedo porque o casco urbano estaba cheo.
Nese momento indican que se realizou unha pequena retirada pero posteriormente o problema volveu a reproducirse e o Concello insiste en que a empresa non respecta a frecuencia acordada.
O goberno lcoal critica duramente a actitude do PSOE local, que se queixou hai uns días de que o papel-cartón se acumula nos contedores do municipio cando un dos seus dirixentes locais é un dos responsables de zona da firma Urbaser, que é a que non está prestando o servizo axeitadamente e incumpre o contrato e tamén a palabra dada sobre os días que van recoller.