Denuncian listas de agarda de ata 15 días para o médico de cabeceira en Combarro
Por Redacción
CIG-Saúde denunciou este xoves que as listas de agarda para unha cita co médico de cabeceira no centro de saúde de Combarro superan en moitos casos os 15 días, unha situación que está a deixar numerosas queixas de pacientes pola tardanza en ser atendidos.
Segundo denuncia o sindicato, en moitos casos estes pacientes vense obrigados a ir aos servizos de urxencias ou mesmo optar pola sanidade privada para solucionar os seus problemas de saúde.
Ademais, a situación afecta aos pacientes que precisan un seguimento personalizado. Non poder ser atendidos polo seu médico de cabeceira ocasiónalles trastornos no seu tratamento.
O centro de saúde de Combarro ten, segundo a CIG, un cadro de persoal de tres médicos de medicina xeral, tres enfermeiros e dous traballadores en funcións administrativas e estes días "está baixo mínimos, xa que non se está a cubrir a xubilación dun médico, vacacións, incapacidades temporais...".
Esta situación tamén afecta "moi negativamente" aos profesionais, que se ven obrigados a prolongar a xornada laboral para poder atender a todos os pacientes.
Ademais, a CIG critica que a Xerencia da área sanitaria non tivo en conta o aumento de poboación no verán nesta zona e non se reforzou o cadro de persoal.