Propietarios do polígono do Vao demandan unha rotonda na estrada de Vilagarcía
Por Redacción
A última actuación de mellora da estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa espertou as críticas dos propietarios e usuarios do polígono do Vao e do acceso desde o mesmo cara á parroquia de Campañó. Quéixanse de que se habilitou unha pestana para o acceso ao polígono desde a PO-531, pero o que é realmente necesario é crear unha rotonda.
Nestas obras realizadas semanas atrás habilitouse unha pestana que permite virar á esquerda e entrar no polígono á altura da nave de Bricoking, pero os usuarios e propietarios aseguran que está a xerar tanto situacións de perigo como atascos e retencións, de modo que se demostrou que non é a solución.
Así, indican que os vehículos que circulan en dirección Pontevedra-Vilagarcía e teñen que usar a pestana para acceder ao polígono son os máis afectados, pois quen circula en sentido Vilagarcía-Pontevedra teñen prioridade, de modo que moitos se sitúan na pestana e deben esperar moito tempo para poder virar, ata que pasan todos os que van polo outro carril. Hai momentos do día con circulación densa nos que a cola que se crea é moi longa e, ademais, xera situacións de perigo.
A solución pasa, segundo os usuarios, por volver rectificar a estrada e construír unha rotonda, pois "a pestana é peligrosísima" e, ademais de crear estes citados atascos, "calquera día prodúcese un accidente".