Máis persoal, principal petición dos sindicatos da prisión da Lama á subdelegada do Goberno
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, visitaba durante este martes o Centro Penal da Lama para revisar as instalacións, acompañada pola dirección do centro e, ao mesmo tempo, manter un encontro cos representantes das organizacións sindicais (CC. OO., ACAIP, CSIF, ATP, CIG e UXT).
Estes representantes lembráronlle a "alarmante necesidade de persoal" que ten o centro e sinalaron o envellecemento do actual equipo de traballo, de forma que afecta a todas as áreas e no servizo interior, no que os funcionarios mantén contacto directo cos internos. Os sindicatos sinalan que desde hai meses rexístranse incidentes motivados pola carencia de persoal e faise preciso o incremento de persoal para garantir a seguridade dos propios internos e tamén do persoal laboral.
Ademais, os representantes dos traballadores alertan da falta de control da saúde mental dalgúns internos. Neste sentido afirman que "as prisións se están convertendo en psiquiátricos sen atención especializada". Indican que existe un protocolo ante agresións a funcionarios que non pon medios adecuados para reducir estas situacións senón "para reducir as estatísticas ao tipificar como agresións soamente determinadas actuacións".
Transmitiron a preocupación polo recorte producido polo anterior goberno en materia de reeducación e reinserción dos internos mentres se manteñen gastos como a duplicidade na seguridade privada no exterior do centro, cando a Garda Civil xa exerce ese traballo. Por este motivo, piden a eliminación destes contratos con empresas de seguridade, segundo o comunicado emitido polas organizacións sindicais.
Por último, os sindicalistas entregaron un documento no que se recollen as demandas económicas que solicitan ao goberno, alertando de que o 1 de setembro haberá unha manifestación en Sevilla, punto de partida para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez unha negociación real na que se atenda as demandas salariais dos funcionarios de prisións.
Relacionadas:
-
Os sindicatos aseguran que o cárcere da Lama non está para celebracións na Mercé
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian agresións "a diario" a funcionarios do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
Funcionarios de prisións cortan os accesos ao cárcere da Lama
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Funcionarios da Lama mobilízanse ante a "decadencia total" do sistema de prisións
Por Redacción |