'Somos historias, somos sostibles' achégase ás praias para sensibilizar sobre a recollida de plásticos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra continúa coa súa campaña de sensibilización. Este xoves 16 a carpa de 'Somos historias, somos sostibles' trasladarase ata a fervenza da Barosa en Barro; o sábado 18 presentarase no Festival Revenidas que se celebra en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa; o día 27 visitará a praia fluvial de Ponte Caldelas e o 30 achegarase ata a praia de Montalvo en Sanxenxo.
Con esta iniciativa búscase rexeitar a utilización masiva de plásticos e, ao mesmo tempo, concienciar sobre a necesidade de coidar o medio natural. Tamén se sensibiliza da necesidade de recoller os residuos máis nocivos en toda a contorna paisaxística, facendo especial incidencia nas cabichas e nos plásticos.
Con esta campaña búscase unha acción participativa dos usuarios destes espazos coa recollida de lixo. Os participantes poderán optar a sorteos de entradas para festivais de música, entre outros premios. Tamén se reparten frisbees personalizados coa imaxe da campaña para difundila entre a mocidade.